Unha homenaxe a Manuel Ayaso será un dos actos centrais da programación do Maio Cultural do Concello ribeirense

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Os concelleiros Fernando Abraldes, Cruz Rivadulla, Antía Alberte e Francisco Suárez presentaron a programación.
Os concelleiros Fernando Abraldes, Cruz Rivadulla, Antía Alberte e Francisco Suárez presentaron a programación. CEDIDA

As actividades comezan o día 2 coa inauguración da Bienal de Pintura Eixo Atlántico

30 abr 2024 . Actualizado a las 16:20 h.

Este mes de maio cúmprese o primeiro aniversario do pasamento de Manuel Ayaso, e por esa razón o artista e fillo predilecto de Ribeira terá un protagonismo significativo na programación do Maio Cultural, que vén de presentar o goberno local. Un dos actos centrais dentro das actividades culturais deste mes será unha homenaxe ao pintor prevista para o vindeiro día 15. Ata o cemiterio municipal achegaranse varios escritores e poetas que recitarán versos na súa memoria e haberá tamén unha pequena interpretación musical.

Porén, a programación do Maio Cultural arrincará o día 2, ás 20.30 horas, coa inauguración da Bienal de Pintura Eixo Atlántico, composta polas 25 obras seleccionadas de entre os máis dun cento de artistas que se presentaron á convocatoria.

O día 4, coa colaboración da Deputación da Coruña, proxectarase o documental de Alberto Sacido baseado no escritor Suso de Toro. Ámbolos dous estarán no auditorio ribeirense para participar no coloquio que se abrirá trala mostra do filme.

Na véspera do día grande das letras tamén haberá actividade cultural en Ribeira, desta volta vencellada á literatura. O centro cultural Lustres Rivas será escenario da presentación da obra premiada no certame de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira, que recaeu no escritor Manuel Esteban con O xogo de Escher. Aproveitando a cita, na que se agasallará aos asistentes cun exemplar do libro, asinarase un novo convenio entre o Concello e a editorial Xerais para a convocatoria da décima edición deste concurso literario.

No Día das Letras Galegas, as activades desenvolveranse ao longo de toda a xornada, comezando ás 12.00 cun espectáculo infantil con Pablísimo na Porta do Sol. Haberá tamén unha ruada de música tradicional polo centro da cidade a cargo de Tahume, mentres que en Aguiño a asociación Francisco Lorenzo Mariño levará a cabo a Xornada das Letras. Pecharase o día co concerto da coral municipal no auditorio, ás 20.30 horas.

Recta final

Na recta final do mes haberá teatro e música. O día 18, a compañía Redrum Teatro porá en escena O pequeno poni; mentres que o día 19 a asociación cultural Albéniz dará a coñecer a súa rondalla cunha xornada de portas abertas.

Para rematar maio, o mesmo día 31 farase entrega dos premios do concurso literario escolar convocado co gallo do Día das Letras Galegas.