Óscar Reboiras: «A primeira calidade dun bo escritor é debuxar coas palabras»

Xosé Ricardo Losada

BARBANZA

Óscar Reboiras
Óscar Reboiras ABRALDES

O rianxeiro consegue coa súa literatura conciliar alta e baixa cultura

23 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Óscar Reboiras publicou a súa primeira novela con 43 anos. Tras presentarse a moitos premios sen éxito, e cando estaba a piques de auto-publicarse, gañou o Premio Galicia Rural e a publicación da obra, A agonía das folerpas, na prestixiosa editorial Galaxia. Aí temos os dous referentes da súa obra e da súa vida. Por un lado, como di el, «a humildade é un mecanismo que me permite seguir aprendendo». E, por outro, como tamén di el: «Ao final, o escritor é un creador, e crear é unha palabra moi semellante a crer, porque debes crer en ti mesmo e que os demais crean e sintan o que escribes». E ese mundo de dualidades que se miran con complicidade non o aplica só á literatura: «Teño unha virtude ou un defecto (segundo se mire) que é a capacidade de desconectar do que me rodea. En ocasións métome no meu mundo e non son consciente nin do que me falan». Por iso «desfruto moito viaxando por Galicia», e descubrindo paraxes como o da súa novela, o Xurés, «lugares próximos pero descoñecidos. Eu son moi de interior, de monte, de paisaxes virxes. Necesito escapar do ruído e das multitudes».

E como cre que ter contradicións é moi humano, non ten problema en revelar que «ultimamente dáseme por andar coa vasoira limpando os pelos que vexo no chan ou por obsesionarme cos números». Iso que, di, «son unha persoa con tendencia á desorde, a deixar as cousas de calquera maneira». E unha persoa á que non lle gusta que lle digan que agora é máis roñón que antes: «Dáme a sensación de que empeorei como persoa». De feito, «considérome de natureza máis ben optimista, pero vexo con temor como nos comportamos os seres humanos, sobre todo nas redes sociais. Deberamos ser máis críticos e construtivos, máis preocupados por sumar que por restar».

Cando se lle pregunta como inflúe a literatura na súa vida, prefire contar como quere que lle inflúa á filla: «Ver como se obsesiona cun libro, como me pide que lle conte unha historia ou como busca na biblioteca entre os volumes, é algo marabilloso, porque creo que así é máis libre». A cultura, enfatiza, permite pensar e ser. «Hai unha frase que me encanta: O home de ideas fixas non pensa». Así, cando bota a vista atrás, recoñece que «fun un adolescente un pouco inocente de máis (outros chamaríano parviño), pero de bo corazón. Creo que me faltou vivir un pouco máis e saír da miña zona de confort». Pero tamén cre que se aquel adolescente o vise agora, «pensaría que levo unha vida demasiado monótona, pero estaría orgulloso de saber que non abandonei a escrita e de que leo moito máis do que el o facía. Como di Kenneth Rexroth, Contra o fracaso do mundo só hai unha defensa: o acto creativo». Por iso non ten ningunha dúbida de que, aínda que non se poida vivir dela, «a militancia cultural, máis aínda en Galicia, é necesaria».

E parte desa militancia cultural é tamén esa súa relación coa filla, que cambiou as súas prioridades. «Intento aprender dela. A súa capacidade de asombro é marabillosa e semella que os adultos xa estamos de volta de todo. Como dixo un filósofo, e xa se ve que me gusta falar de prestado, os nenos non deberían ser unha botella que encher, senón un lume que alimentar». E por iso ten claro cal debe ser a primeira calidade dun escritor: «A súa capacidade para imaxinar ou para debuxar coas palabras, para facer sentir e crear mundos. E ser consciente, como dicía Buda, de que o noso maior inimigo é o propio ego». Ou, como di el, «un bo epitafio para min sería: Nin o máis listo, nin o máis guapo, boa xente».

Home sincero e claro, tamén se atreve a entrar no dilema da alta e da baixa cultura. «Sen dúbida, sitúome na baixa cultura. Creo que na alta cultura hai certo snobismo, e prefiro que meu pai lea unha novela de vaqueiros de Marcial Lafuente a que non lea nada. A min, as ganas de ler deumas o capitán Alatriste, de Pérez Reverte, e non o Quijote de Cervantes. Prefiro devorar páxinas dun best-seller que comerme a cabeza con cada frase ou con cada pensamento».

A mellor crítica do seu moi recomendable libro, A agonía das folerpas, podería facela el mesmo cando di: «Coa literatura busco divertirme, facer sentir, provocar emocións, rir e chorar, andar un camiño que deixe algún pouso». E, coma non, conségueo. E algo máis. Demostrar que a relación entre baixa e alta cultura pode ser de profunda e respectuosa amizade. Só os fanáticos pensan que son termos contraditorios, e Óscar pode ser calquera cousa menos un fanático. «É importante buscar o equilibrio», di. E tamén: «O sentido do humor é un salvavidas moi galego, como me demostrou Fernández Flórez, e iso é algo que tamén intento reflectir cando escribo».

O seu personaxe literario preferido é Edmundo Dantés. «Engaioloume a súa capacidade de sobrepoñerse a todo. Gustaríame contaxiarme das súas aventuras». Pero non é ambicioso e, por riba, é un escritor moi lento. Pero se lle preguntas que historia lle gustaría contar, non dubida a resposta: «A historia de que non deixei de contar historias».

PERFIL

O equilibrio dun bo cidadán

Óscar Reboiras aprobou COU de Ciencias e Selectividade, pero repetiu curso voluntariamente porque descubriu que sería máis feliz nunha carreira de letras. Agradécelle aos pais, albanel el, labrega ela, que o aceptasen sen máis. Estudou xornalismo, unha carreira na que podía canalizar o seu gusto pola escrita, pero que o acabou decepcionando, por moito que tivese grandes profesores como Barreiro, Beiras, Freixanes ou Ledo.

Doutorouse en Comunicación e Información Contemporáneas, e traballa no mundo do márketing dixital, do posicionamento web e da marca en Internet, traballo no que está moi contento. «Ten bo ambiente, bo soldo e síntome realizado rodeado de xente nova, con moitas ideas e enerxía positiva. Para máis, estou aprendendo cousas novas e realizando tarefas tan diversas que nunca me aburro».

Tamén lle agradece aos pais a marabilla da súa infancia no Araño. De feito, no seu perfil constan con letras de ouro o pequeno monte do Meidón, a carón da casa natal —onde agatuñaba polas árbores ou construía cabanas—, o río Te —no que se bañaba nos veráns— e as leiras nas que apañaba millo.

Aparente timidez

Persoa de bo trato, que compensa nas distancias curtas certa aparente timidez: En canto pode menciona a importancia que tivo para a súa vocación inscribirse nun obradoiro de escritura dirixido por Antón Riveiro Coello, do que saíu en 2019 o libro coral Liñas compartidas. Ese mesmo ano publicou O cronista imposible. Wenceslao Fernández Flórez, baseado na súa tese de doutoramento.

Participou en diferentes certames literarios, e conseguiu gañar o premio Contos Arrepiantes para Tremer ao Carón da Lareira (2020), o terceiro premio de narrativa do Certame Literario de Ames (dúas veces), e o primeiro premio no Certame de Microrrelatos de Vilalba. No 2022 gañou o II Premio de Novela Galicia Rural con A agonía das folerpas (Galaxia) que, dun día para outro, lle deu un nome relevante na literatura galega. 

 E así quere que siga a súa vida. «Un día ideal para min? Erguerme cedo e facer deporte, levar a nena á escola, escribir toda a mañá, comer en familia, ler pola tarde, ir pasear coa cativa, e rematar o día no cinema, onde hai moito que non vou». E recuperar unha das súas paixóns, a fotografía.