Máis de douscentos bikers competirán na proba da Copa Galicia de XCO de Ribadumia

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBADUMIA

Cedida

O club local preparou un circuíto moi «rápido e divertido» na contorna de Kiwi Atlántico

01 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os afeccionados ao ciclismo teñen esta semana unha ampla oferta no Salnés. Tras desfrutar esta mañá nas estradas de Cambados, de Ribadumia, de Meis e de Meaño do groso do pelotón júnior galego-portugués na Ruta do Albariño, este domingo poderán facer o propio cos especialistas do país no cross country olímpico, máis coñecido como XCO, a modalidade olímpica do ciclismo de montaña.

A cuarta edición do XCO Kiwi Atlántico comezará o Día da Nai ás dez da mañá, coa carreira da categoría menor, a infantil, que este ano se inclúe coma novidade cunha adaptación do circuíto de 4,5 quilómetros preparado na contorna das instalacións centrais de Kiwi Atlántico polo Club Ciclista Ribadumia, organizador do evento. Logo da competición dos ciclistas máis novos, recortada aos 3 quilómetros e limpa das subidas máis esixentes, sucederánse as saídas do resto de categorías, desde a cadete ás máster. O inicio das carreiras das categorías raíña, as elite masculina e feminina, está previsto para as doce e media, con seis voltas por diante.

O presidente do C.C. Ribadumia, Javier Pombo, sinalaba onte na presentación do IV XCO Kiwi Atlántico o alto ritmo e o carácter técnico que caracteriza a práctica da modalidade olímpica de ciclismo de montaña. Un espectáculo a ollos do público, que poderá seguir de preto a evolución dos bikers durante os 4,5 quilómetros do trazado, que o club organizador deseñou con intención de facelo «moi rápido e divertido», sinala Pombo.

Lara Lois, podio en Portugal

Pendentes do peche final da inscrición, os responsables da cita deste domingo contan con non menos de 200 participantes entre todas as categorías e teñen fe na posibilidade de achegarse aos 250. Cabe a posibilidade de que un deles sexa a grovense Lara Lois, ciclista do RG Bikes Scott de Silleda. Se ben a día de onte inda non figuraba na listaxe de inscritos, á arousá, que a pasada fin de semana concluíu terceira na terceira carreira da Taça —campionato— de Portugal de XCO e avanza segunda na súa xeral, víuselle onte adestrando na zona de carreira da proba ribadumiense.

Polo que respecta ao Club Ciclista Ribadumia, o anfitrión competirá este domingo con media ducia de bikers da súa ampla canteira, catro deles cadetes e os dous restantes, xuvenís.